
.png)
UNHA MALA HERBA?
Cando pensamos en estrugas, inmediatamente maldicimos esta ‘mala herba’. Porén, “unha mala herba é unha planta da que as súas virtudes aínda non foron descubertas”, dicía o filósofo trascendentalista alemán R. Emerson.
Son moitos os beneficios que esta planta nos aporta. A estruga é un produto gastronómico utilizado en moitos países do mundo, así como unha planta de uso medicinal.
Durante a II Guerra Mundial foi moi consumida en Centroeuropa, onde paliou a fame polo seu alto contido en proteína de orixe vexetal. Non había forma de cultivar, polo que a ausencia de sementes e medios fixo da estruga un alimento moi manido para mitigar esta situación de pobreza.
Galicia parece ser o paraíso das estrugas. Medra ao seu antollo ao longo da nosa xeografía, pero destaca na provincia de Ourense. Hai zonas moi interesantes que teñen uns trazos case mediterráneos, como son Monterrey, o Val do Limia e a Baixa Limia. Aínda así, a estruga é unha planta caprichosa, polo que o seu cultivo darase onde ela queira, sempre que o solo sexa húmido e rico en nitróxeno.
Na mitoloxía popular, a estruga é unha herba que se relaciona coas lendas sobre meigas, por ser diurética e curativa na auga e no caldo. No padal, atopámonos cunha sensación agradable, cunha mastigación tenra e cun aroma lixeiramente refrescante.
Xa o dixo Julio Camba, cronista galego: “non é a necesidade o que leva ao home a comer cousas pouco comúns, senón a fartura”. As estrugas, un alimento ben antiguo consumido polos nosos devanceiros, revive hoxe na cociña para quedarse na nosa dieta habitual.

Elaboración propia

TIPOS

A urtica urens é unha planta anual, que chega até os 70cm de alto, con flores masculinas e femininas na mesma planta; florece desde a primavera á metade de outono.

A urtica membranacea é anual e florece no verán.

A estruga blanca ou estruga morta non é unha ‘urtica’, senón o que se denomina ‘Lamium Album'. Parécese á estruga maior, pero carece das súas propiedades urticantes. Contén abundantes taninos, o que a fai moi útil para diarreas e sangrados

A urtica dioica ou estruga maior é a máis común. Vive varios anos, e pode chegar a metro e medio de alto. Florece no verán, ten un tallo simple e recto e as follas son veludas e dentadas. Ten as flores en distintos pés, así hai plantas masculinas e femininas, de aí ven o apelativo de ‘dioica’, dúas casas. A flor dá unha semente que tardará uns seis anos en agromar
Elaboración propia
PROPIEDADES
Elaboración propia
Cando comemos estrugas,
consumimos saúde
"As estrugas teñen un valor nutritivo moi alto, que varía en función das condicións nas que medren –calidade do chan, cantidade de sol e chuvia que reciban…–", apunta Fabienne Ferauge, de Nettle Empire.
A urtica dioica contén abundante clorofila, e tamén taninos, ácidos orgánicos e sales minerais. Tamén ten vitaminas A, B, C e D, e é rica en iodo e en cinc.
Pola súa parte, os peliños urticantes das ortigas conteñen ácido fórmico, resina, acetilcolina e histamina, entre outras substancias.
A estruga é antihemorráxica, tónica, antialérxica e antihistamínica, diurética, analxésica, antiinflamatoria e estimulante da producción de glóbulos vermellos. É útil tamén en trastornos da dixestión por insuficiencia dos órganos dixestivos, posto que fai traballar ao páncreas, ao estómago e á vesícula biliar.
Mesmo serve para combater a resaca!

Elaboración propia

MERCADO GALEGO
Elaboración propia
A pesar de ser un produto gastronómico galego, a estruga aínda non está moi desenvolvida na comunidade autónoma.
Son poucos os restaurantes e empresas que deciden incluír esta planta nas súas cartas ou producións. Ademais, debido os baixos beneficios deste producto, algúns lugares como Conservas y Ahumados Lou S.L. ou a panadaría Osi Gourmet decidiron deixar as estrugas para ocasións excepcionais.
MERCADO INTERNACIONAL
Elaboración propia
O norte de América e Europa son rexións claves para o mercado das estrugas polo crecemento dinámico do mercado nutracéutico na rexión.
O aumento do coñececemento dos nutracéuticos e as medicinas alternativas tamén creou un impacto nas rexións de Asia-Pacífico e Oriente Medio. Nun futuro cercano, estas rexións crearán unha demanda saudable para os produtos con extracto de estrugas.
Martín Álvarez é mestre de Cociña no Instituto de Ensinanza Secundaria de Vilamarín (Ourense) e Presidente da Asociación Cultural As Ortigas. Recibiunos na cociña da súa fábrica de conservas de María Tola en Bande (Ourense).
Preparounos dúas receitas, unha salgada e outra doce. A primeira trátase dun revolto de ortigas e xamón e a segunda, dun postre moi peculiar, mirabeis con requeixo, galleta de améndoa e marmelada de estrugas.
COCIÑA CON NÓS
CANTO SABES SOBRE ESTRUGAS?

Como vemos, as estrugas están día a día máis presentes nas nosas cociñas. En varios países, como Francia ou a República Checa, xa forman parte da súa tradición gastronómica ou ocupan un lugar destacado da produción de alimentos.
En Galicia, onde a presenza da planta é abundante, a industria de produción de estrugas leva anos construíndose paseniñamente. Con todo, e grazas a proxectos particulares cheos de boa vontade, cada vez é máis sinxelo atoparmos produtos no mercado que conteñan este ingrediente. Usada en platos gourmet, a estruga converteuse mesmo nun souvenir gastronómico, codiciada polos emigrados que desexan levar un pedaciño de sabor galego na equipaxe.
Porén, segue habendo moito traballo por facer e moitos estereotipos que rachar con respecto desta planta. Neste ano das estrugas, apostamos por reivindicar a unha “sen valor” e colocala no lugar que merece, tanto medicinal como culinario.
Se é que xa o dicía Apicius no seu receitario fai vinte séculos: “se queres preservarte da enfermidade, come estrugas femias cando sol se atope en Aries”. Así que, a comer!